INCRIBLE DEBUT DE ADI IGLESIAS NOS XOGOS PARALÍMPICOS – TOKIO 2020
Aínda estamos sen palabras coa participación de Adi Iglesias nos seus primeiros Xogos Paralímpicos en Tokio. Logo duns días cheos de ilusión, emoción e sentimento de equipo, Adi remataba o seu debut na competición paralímpica con dúas medallas, marca persoal e unha experiencia que, sen dúbida, non esquecerá no resto da súa vida.
Tras o período de adaptación na capital xaponesa, comezaba a súa participación coa rolda semifinal dos 100 metros lisos, na que conseguía a segunda mellor marca da final cun tempo de 12.20 e a clasificación directa na proba; rexistro que rebaixou ata os 11.96 na segunda carreira e que lle deu a MEDALLA DE OURO, converténdose na vixente campioa paralímpica da categoría T13.
Dous días despois, centrada xa nos 400 metros lisos, liderou a rolda semifinal cun tempo de 55.70 segundos; que baixaría na final ata os 55.53 segundos, establecendo a súa mellor marca persoal e logrando a merecida MEDALLA DE PRATA. Nunha proba especialmente dura para ela e da que partía sen apenas referencias, lograba subir ao podio como a actual subcampioa paralímpica e superar así todas as barreiras.
© Comité Paralímpico Español.
Con tan só 22 anos, e despois de consolidarse como unha das figuras de referencia no panorama internacional, conseguía superar todas as expectativas que levaba aos seus primeiros Xogos Paralímpicos, cumprir o soño de obter unha medalla olímpica e desfrutar dunha competición na que puido compartir espazo coas mellores do mundo, converténdose nun exemplo de superación, constancia e inspiración para todas e todos os atletas que soñan con chegar ao máis alto nivel neste deporte, o atletismo.
Non hai mellor motivación para os máis pequenos –e non tan pequenos– que ver como alguén con quen comparten a pista deportiva e os adestramentos, persegue as súas metas con moito traballo, esforzo e sacrificio e logra alcanzar os seus obxectivos. Sabemos que isto só acaba de empezar, pero queremos que saibas que estamos xa máis que orgullosos de ti.