ADI IGLESIAS NO CAMPIONATO DE EUROPA DE ATLETISMO PARALÍMPICO (1-5 xuño, Polonia)
Esta semana celébrase en Polonia o CAMPIONATO DE EUROPA DE ATLETISMO PARALÍMPICO, o maior evento deportivo do ano antes dos Xogos Paralímpicos de Tokio 2020, ambos os dous aprazados a tempada pasada pola situación sanitaria mundial.
Do 1 ao 5 de xuño, o estadio polaco Zdzislaw Krzyszkowiak acollerá cerca de 700 atletas de máis de 40 países diferentes na que será a sétima edición do Campionato Europeo e a primeira no país, e que contará con atletas plusmarquistas a nivel mundial e medallistas europeos e mundiais nas distintas carreiras e concursos. Máis de 40 deportistas españois con diversidade funcional están xa en Bydgoszcz co obxectivo de conseguir as marcas mínimas e asegurar a súa praza para os Xogos Paralímpicos de Tokio, que terán lugar o vindeiro mes de agosto.
Alí se atopa a nosa velocista Adi Iglesias, que buscará principalmente mellorar os seus rexistros, sumar experiencias e desfrutar do espectáculo deportivo, coa tranquilidade de ser unha das 16 prazas aseguradas do Comité Paralímpico Español para os Xogos, logo de conseguir a mínima para Tokio no Campionato do Mundo Paralímpico de Dubái 2019.
As probas nas que participará serán os 100 metros lisos, os 400 ml e o relevo mixto 4×100, logo do cambio da categoría T12 á T13 que a aparta dos 200 metros lisos. Poderedes seguila desde mañá (os días 2, 3 e 4 de xuño) a través dos seguintes enlaces, polos que a estaremos apoiando e acompañando desde España.
Deixámosvos máis enlaces de interese para que non vos perdades nada.