RESULTADOS da CARREIRA PEDESTRE POPULAR DE SANTIAGO (domingo 27 outubro 2019)
O pasado domingo 27 de outubro a capital galega acollía a XLII CARREIRA PEDESTRE POPULAR DE SANTIAGO, nunha nova edición que contaba con numerosa participación e un ambiente do máis animado entre o público, facendo da carreira unha experiencia inesquecible.
A partir das 10:00 horas daba comezo a proba absoluta, cun percorrido total de 12km polas rúas da cidade na que os e as atletas do Lucus Caixa Rural Galega non perderon a oportunidade de tomar parte. O primeiro en cruzar a liña de meta sería Esteban Iglesia, rexistrando un tempo total de 00:39.42 que lle daba o oitavo posto absoluto e a medalla de ouro na súa categoría. A dous postos del cruzaría Nicolás Arrojo, facéndose coa medalla de bronce por categoría cun tempo de 00:40.04. Xabier Rodríguez sería o oitavo da súa categoría, finalizando o percorrido en 00:43.48 minutos; mentres que Gerardo Raposo lograría un tempo de 00:52.20, pechando a participación masculina do Club. En canto ás mulleres, no quinto posto absoluto cruzaba a meta Laura Santos, cun rexistro de 00:45.46 co que obtiña a medalla de ouro na súa categoría. Rosalía Rodríguez-Gigirey finalizaba en 00:54.30, quedando sétima por categoría; e a medalla de bronce sería para Carmen Novo, logo de rematar terceira na súa categoría detendo o cronómetro nos 01:09.13.
Xa na proba escolar de categorías menores, que daba comezo ás 11:30 horas e pecharía a xornada, participaban Rubén Darriba e Carla Díaz, nunha carreira de 7km en total na que o primeiro deles remataba co quinto posto e un tempo de 00:29.07; mentres que a segunda acababa entre os dez primeiros postos, cun cronómetro de 00:35.07.
Imaxes tomadas de ©ElCorreoGallego e ©RunPhotosGalicia.