
CROSS INTERNACIONAL ATAPUERCA (sábado 9 novembro 2019)
Comezan as competicións de gran nivel e que mellor xeito de iniciar a tempada de campo a través que co XVI CROSS INTERNACIONAL ATAPUERCA, que terá lugar na citada localidade de Burgos este sábado 9 de novembro.
Na actual edición, o Lucus Caixa Rural Galega participará na categoría absoluta cos fondistas Esteban Iglesia, Xabier Rodríguez e Manuel Eiras, aos que acompañará Rosalía Rodríguez-Gigirey na carreira popular e diversos atletas da categoría SUB16, algúns deles coa vivencia do ano pasado e moitos outros coa emoción de experimentar unha proba federada de alto nivel como é este Cross de Atapuerca. Como novidade este ano, desprazaranse tamén atletas da categoría SUB14 da nosa Escola de Atletismo, nunha experiencia única na que poderán observar e coñecer de cerca a atletas nacionais e internacionais con ampla experiencia nesta modalidade deportiva, aprendendo e desfrutando do atletismo.
A saída para o traslado a Atapuerca será mañá venres 8 de novembro ás 16:30 horas das Pistas de Atletismo de Lugo (Estadio Gregorio Pérez Rivera). A cea do venres e o almorzo do sábado será no hotel e a volta terá lugar ao remate da competición, chegando a Lugo o sábado 9 de novembro a última hora. Como para o resto das competicións, LEMBRADE!
- Levar o documento nacional de identidade ou equivalente.
- Traer imperdibles para colocar o dorsal, ademais das zapatillas de cravos (se as tes).
- Vestir a equipación de competir do Club.
- Desfrutar a experiencia e aprender moito.
Deixamos a continuación a lista de atletas inscritos/as confirmados/as pola organización e demais información de interese relativa á xornada. Se tedes algunha dúbida ou preocupación, podedes contactar con nós por calquera dos medios dispoñibles.
![]() |
![]() |
![]() |
MOITO ÉXITO AO EQUIPO DO LUCUS, BOA VIAXE!

