RESULTADOS DOS CAMPIONATOS NACIONAIS E AUTONÓMICOS (15 e 16 febreiro)
Fin de semana de competicións para o sector dos lanzamentos e as probas de pista cuberta, nas que os nosos e as nosas atletas tomaron parte a nivel autonómico e nacional e onde tamén tivo lugar a última das xornadas da Copa Diputación de Lugo, con resultados destacados e diversos podios.
Ata a localidade de Salamanca desprazáronse tres representantes do Lucus Caixa Rural Galega para disputar o CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB23 EN PISTA CUBERTA, que tería lugar no sábado e na mañá do domingo.
Inés Blanco, mellorando en case dez segundos a súa marca persoal, remataba a proba dos 1.500 metros cunha nova MMP de 4:50.12, coa que quedaba na sexta posición da súa serie na rolda semifinal. Laura Santos, pese a levar un bo rexistro, tiña que abandonar nos 3.000 metros; mentres que Santiago Rozas actualizaba por partida dobre a súa mellor marca nos 60 metros valados, proba na que detiña o cronómetro con 8.51 segundos na rolda eliminatoria e 8.67 nas semifinais, con boas sensacións e un excelente estado de forma.
Por outro lado, a provincia de Pontevedra acollía na xornada do sábado o CAMPIONATO DE GALICIA ABSOLUTO DE LANZAMENTOS LONGOS, no que tamén disputaban o título as categorías SUB23 e SUB20. Cinco foron as lanzadoras e lanzadores desprazados para participar nas probas de martelo, disco e xavelina e loitar polos títulos autonómicos de inverno. Na categoría masculina, Raúl Rodríguez conseguía o pleno nos tres lanzamentos da categoría SUB23; no disco, remataba subcampión galego cun mellor rexistro de 30.98 metros e sería no martelo e na xavelina onde obtiña as medallas de ouro, subindo ao podio como campión galego logo de lanzar os artefactos ata os 42.22 m. e os 44.78 m., respectivamente. En disco participaba tamén o compañeiro Iván Rey, que rexistraba 34.63 metros e a quinta posición absoluta.
© Federación Galega Atletismo e Celta Atletismo.
Marta Sureda, xa na clasificación feminina, tomaba parte no lanzamento de disco onde rexistraría 26.50 m. e repetiría no martelo, cunha mellor marca de 24.24 metros. Nesta última proba, a compañeira María Quiroga proclamábase subcampioa galega da categoría SUB23, cunha marca de 34.39 m. coa que actualizaba a súa MMP e levaba a medalla de prata. Uxía Sureda, na proba de xavelina, repetiría a medalla de prata cun mellor lanzamento de 33.42 metros e o título de subcampioa autonómica. Podedes consultar os resultados completos da xornada no enlace directo.
Ademais do mencionado, tivemos tamén participación na localidade de Torrevieja (Alicante), onde Hugo Martínez disputaba o CAMPIONATO DE ESPAÑA DE MARCHA POR FEDERACIÓNS AUTONÓMICAS, representando á Comunidade de Galicia na categoría SUB20. Sería o segundo atleta en cruzar a liña de meta do equipo galego, cun tempo de 50.32 que axudaría a manter a sétima posición conseguida na clasificación final da proba.
Mentres tanto, as pistas de atletismo locais acollían a última das xornadas da COPA DIPUTACIÓN DE LUGO, que serviría como toma de contacto e control de marcas para gran parte dos/as atletas da provincia, participando nas distintas probas de pista cuberta e aire libre disputadas. Deixámosvos os resultados completos na imaxe posterior.