RESULTADOS da COPA DE GALICIA DE CLUBS (11 xaneiro, Ourense)

PRIMEIRO EQUIPO LUCENSE E QUINTO DE GALICIA!

Ese podería ser o titular resumo da xornada vivida o pasado sábado 11 xaneiro nas pistas de atletismo ourensás, das que os nosos equipos feminino e masculino voltaron cun merecido 5º posto absoluto e por categorías, logo de sumar esforzos e loitar por conseguir os máximos puntos posibles. Sería na Pista Cuberta de Expourense durante a COPA DE GALICIA DE CLUBS, a competición por equipos máis destacada a nivel autonómico que reúne aos 8 mellores clubs de Galicia e serviu como inauguración desta tempada 2020.

Nas probas de velocidade, Santiago Rozas e Antía Pernas tomaban parte nos 60 metros lisos, na que o noso especialista en valados acadaría a sétima posición cun tempo de 7.45 e a xovencísima Antía aportaría 6 puntos ao equipo co seu rexistro de 8.08, continuando na súa sensacional liña de rexistros logo de conseguir a mínima para o Campionato de España SUB16 hai unhas semanas. Nos 200 m. l., Andrea de Paz, atleta filial do Coruña Comarca e Narciso Rodríguez, serían os encargados de sumar 8 puntos, quedando no segundo e no sétimo lugar, respectivamente. Andrea cun rexistro de 26.33 mentres que Narciso detía o cronómetro nos 25.67, nunha valente actuación na que participaba por vez primeira. Iago Núñez e Lucía Vázquez serían os nosos representantes nos 400 metros lisos, que en total sumarían 6 puntos aos equipos. Lucía, tamén atleta filial do Coruña Comarca, rexistraba 1:06.88 e remataba na sétima posición, mentres que Iago acadaba a quinta posición cun tempo de 51.54, sendo segundo na súa serie. Xa nas probas de medio fondo, os protagonistas foron Elian Numa López e Inés Blanco, quen tomarían parte nos 800 m. l. O primeiro deles (Coruña Comarca) ofrecería unha espectacular carreira asegurando o primeiro posto e os máximos puntos posibles, cun gran tempo de 1:53.62; mentres que Inés, quen hai uns días lograba facer a marca mínima nos 1.500 metros para o Campionato de España SUB23 nas mesmas instalacións, realizaba unha marca de 2:24.01 e remataba sétima, sumando 2 puntos ao conxunto feminino. Nos 1.500 metros lisos serían Adrián Lage (filial) e Laura Santos os corredores do Lucus Caixa Rural Galega, que remataban sumando 10 puntos máis ao total, logo de finalizar na sexta posición e un rexistro de 4:04.48 no caso de Adrián e de obter unha magnífica segunda posición e un tempo de 4:50.05 por parte de Laura, quen ademais conseguía acadar a marca mínima para o Campionato de España SUB23. Na última proba disputada no anel antes dos relevos, os 3.000 metros lisos, serían Xabier Rodríguez e Mercedes Vila os representantes do Club. O primeiro ocuparía a sétima posición cunha marca de 9:20.22, aportando 2 puntos e Mercedes, logo dunha carreira confusa no cálculo das voltas restantes de cada atleta, acadaba o sexto posto e 3 puntos máis, cun cronómetro de 11:31.79. Por último, Miguel Pérez protagonizaba a derradeira carreira de velocidade tomando parte nos 60 metros valados, a súa proba e especialidade, na que rematou cun segundo posto e un rexistro de 8.43, unha gran marca tendo en conta que aínda está a comezar os adestramentos nesta tempada, aumentando o total masculino en 7 puntos.

No tocante aos concursos, a proba de salto de altura quedaría en mans de Xavier Esteban no equipo masculino, quen seguindo unha boa liña no que vai de tempada acabaría no segundo posto, aportando 7 puntos e un rexistro de 1.86, rozando os 1.90 metros en calquera momento; e Carla Díaz, quen tras varios anos sen disputar esta proba, tomaría parte nela en beneficio do equipo feminino, amosando o seu compañeirismo e espírito de equipo e sumando 1 punto máis ao marcador, cun mellor salto de 1.20 metros. Na pértega, tomarían parte Yago Lorenzo e Clara González, rematando ambos nunha quinta posición que permitía sumar 8 puntos ao global. Mentres que Clara debutaba na disciplina compartindo pista coas mellores saltadoras galegas e lograba superar os 2.25 metros, igualando a súa MMP e moi preto de superar a seguinte altura, que suporía unha mellora de 20 cm; Yago superaba con éxito os 3.20 metros e quedaba tamén a moi pouco de lograr unha nova marca persoal nos 3.50 m. Tanto Pablo Modia coma Carla Mourelle, os saltadores de lonxitude, continuarían a coller ritmo nesta tempada e lograron achegarse aos seus mellores rexistros. Na proba masculina, Pablo acadaría o primeiro posto cun mellor salto de 7.12 metros, sumando os 8 puntos máximos ao Lucus e rozando a súa MMP; mentres Carla remataba no terceiro posto e conseguía aportar 6 valiosos puntos ao Club, cun mellor salto de 5.14 metros, a poucos centímetros das primeiras posicións. O último dos saltos sería defendido por Diego Piñeiro e Eva Díaz, que tomarían parte no triplo salto. Tras dous nulos nos primeiros saltos, Diego conseguía resolver o concurso cun bo rexistro de 11.71 metros, amosando que a táboa dos 11 metros está máis que dominada e rozando a súa mellor marca. Pola súa parte, Eva, logo de realizar catro grandes saltos, superaría a barreira dos dez metros cunha marca de 10.07 m., cunha quinta posición que outorgaba 4 puntos máis.

Xa centrándonos nos lanzamentos, Raúl Rodríguez e Alicia González representarían ao Club no lanzamento de peso. O primeiro deles, acostumado a adestrar a especialidade de martelo, lanzaría a bola ata os 8.48 metros, quedando na oitava posición e sumando 1 punto máis ao reconto masculino e absoluto. Na proba feminina, Alicia volvía ao círculo de lanzamento tras un longo período afastada das competicións, que deu como resultado un merecido terceiro posto e 6 puntos máis para o marcador das rapazas, lanzando o artefacto ata os 10.19 metros. Pechando a xornada, viviríamos a emocionante proba dos relevos na pista ourensá, caracterizados pola participación de catro integrantes de cada equipo que realizan catro, tres, dúas e unha volta ao anel, é dicir, un 800ml, 600ml, 400ml e 200ml, respectivamente. O resultado sería a sétima posición tanto no equipo feminino (composto por Inés Blanco, Sofía Martínez, Adi Iglesias e Brenda Lence) coma no masculino (no que tomaron parte Iago Núñez, Xabier Rodríguez, Santiago Rozas e Miguel Pérez), que permitiría sumar os derradeiros 4 puntos aos marcadores e rematar a xornada convertidos no equipo vencedor da provincia lucense e no quinto a nivel galego! Sen dúbida un balance moi positivo para o Club.

GRANDE NORABOA, ATLETAS, E NORABOA AO CLUB!!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *