RESULTADOS do CAMPIONATO DE GALICIA SUB10/12/14 PC (24 febreiro, Ourense)

Récord galego e numerosas marcas persoais as que tiveron lugar o domingo 24 de febreiro no CAMPIONATO DE GALICIA SUB10, SUB12  e SUB14 EN PISTA CUBERTA, que foi acollido un ano máis na pista cuberta de Ourense.

A medida que ía avanzando a xornada, mellores resultados ían acadando os nosos e as nosas atletas, que con esforzo conseguiron meterse entre os dezaseis mellores rexistros da nosa Comunidade Autónoma e participar nesta loita deportiva polos títulos galegos no campionato de menores. A nivel individual, os representantes da categoría SUB10 amosaban a súa madurez nas dúas probas disputadas; por unha banda Uxío Vilariño, que lograría rematar entre os dez primeiros en lanzamento de peso no ránking galego, cun rexistro de 5.68 metros; e Carlos García, que tras mellorar a súa marca persoal de 0.95 m. lograba o terceiro posto cun salto de 1.03 metros, subindo ao podio para traer consigo a merecida medalla de bronce.

Na SUB12 non sería menos e tamén volverían con merecidas medallas para casa. Xavier Gómez doblaba participación no peso, cun mellor lanzamento de 6.32 metros, e no salto de altura, onde acadaba a medalla de bronce logo de superar o listón nos 1.22 m., empatado en marca co segundo vencedor da proba. Nas rapazas, Eva Rouco, María Mourelle e Ilse Prado lograban clasificarse nas semifinais dos 60 m.l., mellorando as súas marcas e rozando o podio na final. Pero as vitorias virían nas segundas probas nas que participaban, coa medalla de ouro para Eva Rouco nos 500 metros lisos (1:29.09), rozando o récord galego (1:28.54); a medalla de bronce de María Mourelle na lonxitude, cun mellor salto de 3.91 m. e o cuarto posto para Ilse Prado na mesma proba, cun rexistro de 3.85 m. Nos 1.000 metros serían Noa Fernández e Safya Moumni as representantes do medio fondo, nunha carreira difícil na que remataron nos 3:40.84 e nos 3:46.44, respectivamente. Lily Mavsar debutaba no salto de altura quedando entre as dez primeiras, preto da súa marca persoal de 1.07 metros (1.03m.) e no lanzamento de peso, de novo Eyram Sefenu conseguía a medalla de ouro logo de enviar a bola aos 7.55 metros, que lle daban o primeiro posto na proba con mellor marca persoal.

Se aínda non eran suficientes as boas novas, a categoría SUB14 seguiría sumando no medalleiro e regalándonos un novo récord galego de pista cuberta por parte de Antía Pernas, que superaba o seu propio récord anterior nas semifinais e na final dos 60 metros lisos, con 8.11 e 8.22, respectivamente, cos que obtiña a medalla de ouro da proba; a mesma na que Andrés López conseguía a súa MMP con 8.66 nas semifinais. Pero como dous son mellor ca un, a piques estivo Antía de alcanzar o récord galego no salto de lonxitude (4.89 m.), no que remataba co primeiro posto do podio cunha mellor marca de 4.74 metros e a segunda medalla de ouro individual. No triplo salto, foron Alicia Rodríguez, Cristina Herrero e Estela Díaz as que participarían, deixando rexistros arredor dos 8 metros; mentres que esta última, Estela, repetiría nos 2.000 m.l., proba que remataba entre as dez primeiras chegadas a meta, detendo o cronómetro nos 7:46.77. Nos rapaces, o representante sería Teo de Frutos, quen tomaba parte nunha rápida carreira de 1.000 m.l. e remataba cun rexistro de 3:16.39, mellorando a súa anterior marca de 3:20.89

En canto aos metros valos, ían ser Xiana Ulloa e Nicolás Núñez os que disputasen os 60 m.v., quedando nas semifinais preto das súas marcas (12.44 e 13.32, resp.) e na proba de altura repetiría Nicolás Núñez, cun mellor salto de 1.48 metros que lle daban a correspondente medalla de ouro do primeiro posto; xunto co seu compañeiro Teo Penelas, que superaba o listón de 1.25 m. na altura e o dos 1.95 metros na pértega, co que conseguía o quinto posto a nivel galego.

Os demais concursos serían tamén moi favorables para o LUCUS CAIXA RURAL GALEGA nesta categoría, coa medalla de prata de Clara González na pértega, superando os 1.95 metros e o quinto posto no salto de altura, no que melloraba en máis de 10 centímetros a súa MMP, saltando sobre os 1.36 m. Na pértega masculina a medalla de ouro de Martín Vázquez, que subía ao primeiro posto do podio co seu rexistro de 2.45 metros e quedaba no quinto posto na lonxitude, cun mellor salto de 4.51 m. E no triplo salto, onde Andrés López sorprendía a todos/as cun boísimo salto de 10.35 m., que o subían ao primeiro posto como campión galego e lle daban a medalla de ouro, proba na que tamén tomarían parte os seus compañeiros de equipo Ángel Herrero e Víctor Cabarcos, que saltaron ata os 8.86 e 8.40 metros, respectivamente, e situáronse entre os dez primeiros do ránking autonómico.

GRANDE NORABOA, PEQUENOS E PEQUENAS GRANDES ATLETAS!!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *