COMPETICIÓNS NACIONAIS E AUTONÓMICAS DESTA FIN DE SEMANA (16 e 17 febreiro)
Esta fin de semana acollerá diversas competicións a nivel nacional e autonómico, onde os nosos e as nosas atletas do LUCUS CAIXA RURAL GALEGA seguirán pelexando por mellorar as súas marcas e superarse a si mesmos/as, coa emoción que se respira neste tipo de campionatos.
O protagonismo estará no CAMPIONATO DE ESPAÑA ABSOLUTO DE PISTA CUBERTA, que terá lugar os días 16 e 17 de febreiro na localidade malagueña de Antequera. Alí atópase xa Miguel Pérez, logo de compartir escenario a semana anterior cos máis destacados a nivel mundial no Meeting Villa de Madrid, para intentar gañar un posto na final dos 60 m.v. Aínda que para isto terá que sufrir sobre a pista, debido ao alto nivel da competición, poñerá todo o seu potencial en seguir mellorando a súa marca persoal, co desexo de rebaixar os 8 segundos nos que se atopa. Será ás 17:45 horas cando comecen as semifinais, sendo a final absoluta ás 19:20h.
➤ Horario de probas | ➤ Retransmisión en directo |
A nivel autonómico, será tamén o sábado cando se dispute o CAMPIONATO DE GALICIA DE LANZAMENTOS LONGOS, onde as categorías SUB16, SUB18 e SUB20 loitarán polos títulos galegos nas probas de martelo, xavelina e disco; a partir das 10:00h da mañá no Centro Galego de Tecnificación de Pontevedra. O punto de mira estará, sen dúbida, nos atletas SUB16 do Club con Martín Rouco, na categoría masculina, que debutará no lanzamento de martelo, coa oportunidade de compartir espazo cos mellores a nivel galego. As súas compañeiras de adestramento, Sabela Sureda e Demekech García, acompañarano tamén no martelo e disputarán, ademais, o lanzamento de xavelina, no seu primeiro ano nesta categoría pola loita do medalleiro.
Tedes a continuación o regulamento da competición e o enlace para que poidades seguir os resultados en directo.
➤ Regulamento |