RESULTADOS da COPA DEPUTACIÓN OURENSE – 1ª Xornada (15 decembro, Ourense)

Logo da participación das categorías menores na Pista Cuberta Expourense, sería a quenda das atletas do Club na xornada da tarde, na que tiña lugar a COPA DEPUTACIÓN OURENSE DE ATLETISMO, nunha primeira rolda que ofrecía diversas probas de velocidade, valos, medio fondo, pértega, lanzamento de peso e salto de lonxitude.

A primeira en estrearse sería Adi Iglesias, que debutaba nos 60 m.l. no seu primeiro ano como SUB23, proba que remataría no segundo posto e un rexistro de 8.06, preto da súa mellor marca da tempada anterior. Arredor das 19 horas da tarde, Carla Mourelle era a que tomaba parte na lonxitude, partindo como unha das favoritas a gañar a proba e que remataba co primeiro posto na súa estreada categoría como SUB18, cun mellor salto de 5.08 metros. Xa para rematar, repetía participación Adi, que disputaba a derradeira proba da tarde cos 400 m.l. femininos, detendo o cronómetro nos 1:02.14, que a convertía na primeira en cruzar a meta na súa serie e a cuarta posición entre as atletas da súa categoría.

Na imaxe posterior tedes os resultados completos desta primeira quenda da Copa Deputación ourensá, así como o regulamento da 2ª Xornada, que se disputará o vindeiro domingo 23 de decembro, tamén na Pista Cuberta de Ourense (Expourense), ao longo da mañá.

Regulamento da 2ª Xornada Copa Deputación Ourense (domingo 23 decembro)
NORABOA ATLETAS!!