RESULTADOS da V XORNADA COPA DEPUTACIÓN DE LUGO (31 maio, Lugo)
Grandes resultados os da V XORNADA DA COPA DEPUTACIÓN DE LUGO, celebrada o pasado xoves 31 de maio nas instalacións do Estadio Gregorio Pérez Rivera, en Lugo. Desde a categoría SUB14 (infantil) á senior, as nosas e os nosos atletas conseguiron rematar nos primeiros postos e facer incluso doblete no podio absoluto.
Nesta ocasión, tanto a categoría feminina como a masculina, exprimiron o mellor de si para conseguir rematar as probas nas primeiras posicións, nunha xornada tranquila e acolledora entre atletas maiormente locais. Comezando coa categoría SUB14, que viu substituída a súa sesión de adestramento pola participación na proba dos 80 m.l., feminina e masculina, rematou con medallas de bronce para a representación da Escola de Atletismo LUCUS CAIXA RURAL GALEGA, onde destacaron María Quintela e Adrián Javier Pardo.
Seguindo coas carreiras, as probas de velocidade e fondo estarían tamén protagonizadas por atletas do LUCUS. Miguel Borrego remataría os 100 m.l. na segunda posición, cunha entrada igualadísima co vencedor e un tempo de 11.62, que lle outorgaría a medalla de prata. Nos 400 m.l., sería Lucía López a subcampiona da proba, marcando un rexistro de 1:02.49 e, xa nos 800 m.l., tamén femininos, a medalla de bronce levaríaa Andrea Vidal, cunha marca de 2:49.07. Esteban Iglesia, pola súa parte, alzaríase como vencedor absoluto dos 1.500 m.l., parando o crono nos 9:17.8, vitoria que compartiu co seu compañeiro Kevin Darriba, que rematou cun rexistro de 4:23.21 e a terceira posición. Pero sería nos 3.000 m.l. onde o LUCUS conseguiría doblete cos seus atletas na categoría feminina e masculina, coa medalla de bronce para Carlota Ansede e os seus 11:49.11 de marca e tamén doblete para Esteban Iglesia, con dobre medalla de ouro e un rexistro de 9:17.8.
As probas de valados deixaron, asimesmo, diversas medallas na categoría masculina, como foi o caso de Diego Piñeiro, medalla de ouro nos 100 m.v. da súa categoría e un tempo de 17.35; Santiago Rozas, vencedor tamén dos 110 m.v. da súa categoría, con 15.17 de marca e Miguel Pérez, medalla de ouro nos 110 m.v. absolutos e un rexistro por debaixo dos 15 segundos (14.81), que lle daría o segundo posto no podio absoluto segundo os puntos húngaros.
Para rematar, nos concursos, destacaron os lanzadores do Club, Iván Rey e Pablo Sánchez, que lideraron a proba de lanzamento de disco e resultaron os vencedores nas súas categorías. Iván, cun mellor lanzamento de 35.85, conseguiu facerse co primeiro posto no disco de 2 kg.; mentres Pablo repetía posición enviando o disco de 1.750 kg. aos 27.68 metros. A vitoria viría tamén na proba de salto de lonxitude, cun Pablo Modia que se mantivo na súa marca da tempada e un mellor salto de 7.07 m., resultando vencedor absoluto da xornada dacordo cos puntos húngaros.
En resumo, moi boa participación dos nosos e das nosas atletas neste control local de Aire Libre e moita ilusión polo doblete conseguido no podio absoluto, da man de dous dos nosos atletas e monitores da Escola de Atletismo, Pablo Modia e Miguel Pérez. Podedes revisar os resultados completos premendo na imaxe posterior.