RESULTADOS dos CAMPIONATOS DE GALICIA SUB16 e SUB18 (26 e 27 maio)

Destacados os resultados acadados nos CAMPIONATOS DE GALICIA SUB16 e SUB18 ao Aire Libre a pasada fin de semana, nos que as atletas do LUCUS CAIXA RURAL GALEGA tiveron máis que protagonismo.

Ao longo da xornada de mañá do sábado 26 de maio, terían lugar as probas para as xuvenís (SUB18), nunha competición marcada pola vitoria das nosas rapazas na localidade ferrolá. Ás 11:15 horas comezaba o salto con pértega feminino, do que resultaría subcampiona galega Raquel López, superando o listón nos 2.42 metros. Case simultaneamente, disputábase a proba de xavelina feminina, na que Uxía Sureda loitaría en cada lanzamento por converterse na campiona galega da proba, cun mellor rexistro de 36.91 metros que, ademais de proporcionarlle a vitoria, daríalle a súa mellor marca persoal da tempada. A mediodía, Lucía López faría o seu nos 800 m.l., detendo o cronómetro nos 2:26.31 que a subirían ao podio como subcampiona autonómica, moi preto da mínima para a vindeira cita a nivel nacional. Tedes os resultados completos na imaxe posterior.

Xa na sesión do domingo 27, sería en O Barco de Valdeorras onde, de novo, as vitorias estarían protagonizadas pola figura feminina, nesta ocasión por parte das cadetes do Club (SUB16). A competición iniciábase coa proba de marcha ás 11:00 h. da mañá, onde Mariña Peixoto lograría rematar os 3 km marcha coa terceira posición, nun tempo de 18:17.41, subindo ao podio para recoller a súa medalla de bronce. Horas máis tarde, na proba de salto de lonxitude, a medalla de ouro viría da man de Carla Mourelle, que se alzaría coa vitoria nun mellor rexistro de 5.24 metros e co título de campiona galega.

Noraboa tamén aos demais atletas que participaron nesta cita autonómica e que, día a día, conseguen mellorar os seus rexistros con esforzo e moita dedicación, así como aos seus adestradores, que sempre están aí para medrar con eles e elas.

BO TRABALLO!!