RESULTADOS dos CAMPIONATOS DE GALICIA DE CLUBS SUB16 e SUB20 (5 maio, Oleiros)

Xa están aquí os resultados dos CAMPIONATOS DE GALICIA DE CLUBS SUB16 e SUB20, disputados este pasado sábado 5 de maio nas pistas de atletismo da Universidade de Coruña, En Bastiagueiro, Oleiros. Para estes campionatos autonómicos, o LUCUS CAIXA RURAL GALEGA presentábase cos seus equipos cadete feminino e xunior nas categorías feminina e masculina.

As nosas atletas SUB16 (cadetes), conseguirían rematar a xornada facéndose co 3º posto no podio, logo de acadar un total de catro primeiras posicións nas probas dos 100 m.l., cun rexistro de 13.45 por parte de Brenda Lence; 600 m.l., coa nosa filial Ainara Rodríguez e a súa marca de 1:41.37, batindo a súa mellor marca persoal; lonxitude e triplo salto, estas últimas da man de Carla Mourelle, que conseguiu facer un doblete nas súas MMP e lograr as mínimas para o Campionato de España ao Aire Libre en ambas as dúas probas, cuns rexistros de 5.35 e 11.30, respectivamente. A esta puntuación sumaríanse os segundo e terceiro postos conseguidos nos 3.000 m.l., que Mercedes Vila remataría nun tempo de 11:33.48 e 1.500 obstáculos, proba na que a nosa filial Uxía Salvatierra melloraría a súa marca persoal con 5:55.43; ademais dos restantes logrados nas demais probas, que sumarían un total de 143 puntos, con sabor a subcampionas galegas a tan só un punto do segundo equipo clasificado, o noso asociado Ourense Atletismo.

 

En canto á categoría SUB20 (xunior), os equipos feminino e masculino conseguiron manterse nun 4º posto no ránking xeral, mentres que a nivel individual rematarían na quinta posición as atletas do equipo feminino e na sétima os do masculino. Santiago Rozas conseguiría sumar a máxima puntuación co seu primeiro posto nos 110 m.v. e un rexistro de 14.98, aos que se engadirían os puntos conseguidos nos tres 2º postos obtidos nas probas dos 3.000 m.l., no que Kevin Darriba faría un rexistro de 9:54.63; 400 m.v., na que de novo Santiago Rozas participaría e lograría unha marca de 57.73 e xavelina, proba na que Oliver Vázquez faría un mellor lanzamento de 46.20 metros. A puntuación global que conseguiron sería de 94 puntos, moi preto das posicións previas.

Nas rapazas, a máxima puntuación daríaa o doblete conseguido por Antía Rodríguez, atleta filial que colaborou co LUCUS nas probas de 400 m.l. (cunha marca de 1:03.21) e 400 m.v. (que remataría en 1:11.67), nas que finalizou na segunda posición; así como os seis terceiros postos conseguidos en distintas probas de velocidade, medio fondo, lanzamentos e o relevo 4×400, nas que destacaron Adiaratou Iglesias (con doblete nos 100 m.l. e 200 m.l.), Carlota Ansede, Antía Novo e Laura Copa, entre outras, que conseguirían unha puntuación global de 72.5 puntos.

Por aquí deixamos o acceso aos resultados completos por se queredes botarlles unha ollada.

CATEGORÍA SUB16 (cadete)

CATEGORÍA SUB20 (xunior)

NORABOA A TODOS OS EQUIPOS!