GRANDES RESULTADOS EN PISTA, CAMPO A TRAVÉS E RUTA
A axenda da fin de semana estivo repleta de actividades deportivas en distintos puntos da comunidade. Campionatos de Galicia, de España e controis federados nos últimos intentos por conseguir as mínimas para os nacionais, onde o Club tivo representación con fantásticos resultados.
CAMPIONATO DE GALICIA DE 5.000 E 10.000 METROS EN PISTA
Nas novas pistas de atletismo de Cervo, Xabier Díaz conquistaba o título de subcampión galego absoluto nos 10.000 metros e a medalla de ouro na categoría Máster. Nos 5.000 metros participaron Luis Novo e Estela Díaz, quedando entre os dez primeiros a nivel galego.
CAMPIONATO DE GALICIA DE MARCHA EN RUTA
A Pobra do Caramiñal acolleu o circuíto desta edición. Na categoría SUB14, Diego Rodríguez estreábase nos 3.000 metros conseguindo a medalla de bronce. Noa Abelleira finalizaba a carreira absoluta rebaixando en 2 minutos a súa MMP, converténdose na subcampioa galega SUB18 e a 5ª de Galicia, e Daniel Abeledo, compañeiro de equipo, retomaba a competición con moi boas sensacións, detendo o crono nos 57 minutos.
A nivel nacional, Juan Gude participaba no CAMPIONATO DE ESPAÑA MÁSTER DE CAMPO A TRAVÉS en Hornachuelos (Córdoba), completando o equipo do noso filial ADAS CUPA. Rematou a carreira co título de campión de España por equipos na categoría M45 e a medalla de prata na clasificación individual.
Sen esquecer o carreirón de Santiago Virgós e Ángel Herrero nos 1.500 metros do Control de Ourense, onde Yago conseguía baixar dos 4 minutos e Ángel facíase coa mínima para o Campionato de España SUB20, asegurando a súa participación en Salamanca.
Sodes un claro exemplo de que o esforzo e o tesón levan consigo a recompensa.