NOA ABELLEIRA, MEDALLA DE BRONCE NACIONAL COA SELECCIÓN GALEGA DE MARCHA

Noa Abelleira e o seu adestrador Pablo Modia.

Desde que comezase nas primeiras categorías da Escola de Atletismo ata a actualidade, a nosa marchadora Noa Abelleira veu demostrando que a disciplina, a constancia e o esforzo teñen a súa recompensa e que o importe é seguir sumando experiencias, porque os adestramentos acaban dando os seus froitos.

Esta tempada 2023, no seu primeiro ano como atleta SUB18, conseguía facer no CAMPIONATO DE GALICIA DE MARCHA EN RUTA do pasado 4 de febreiro en Ames a marca mínima para participar no Campionato de España, logo de rexistrar 59:52 minutos na súa primeira vez na distancia 10 km, un salto importante con respecto aos 5 km e 3 km nos que competía como SUB16; logrando cruzar a meta na 8ª posición absoluta feminina.

Coa praza asegurada para o CAMPIONATO DE ESPAÑA DE MARCHA EN RUTA, chegaba a noticia da súa convocatoria coa Selección Galega para completar o equipo SUB20 feminino que tomaría parte no Campionato de España de Marcha SUB20 e SUB16 por Federacións Autonómicas. A súa segunda vez coa Selección despois de formar parte do equipo SUB16 na tempada 2022 en Lepe (Huelva).

©RFEA. Miguelez Team

En canto aos resultados e á experiencia, non puideron ser mellores. Este pasado 26 de febreiro na localidade de Cieza (Murcia), o equipo galego SUB20 conseguía a medalla de bronce na gran cita nacional, converténdose no 3º mellor equipo de España da categoría. A nivel individual, Noa finalizaba os 10 km cun rexistro de 59:30 minutos, unha nova marca persoal que sen dúbida seguirá intentar baixar nas próximas competicións. Deixámosvos o enlace directo á proba por se queredes volver a vela, os resultados e algunhas imaxes da Federación Española de Atletismo.

(minuto 5:29:20)

GRANDE NORABOA, A SEGUIR ASÍ!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *