HOMENAXE E PRIMEIRO TROFEO DO NOSO MARIANO CASTIÑEIRA

Case sete meses despois, seguimos lembrando a Mariano coa maior das gratitudes e os recordos máis fermosos, como así o querería el, superando cos días a profunda tristeza que nos deixou e recordando cun sorriso todos os momentos vividos, que foron moitos, e a innegable pegada que marcou na historia do Lucus Caixa Rural Galega, que destacará por sempre.

 

Imaxe de arquivo. Mariano co grupo de adestramento.

Este sábado 29 de maio, o atletismo galego volverá ás pistas con especial ilusión para rendirlle homenaxe no 1º TROFEO «MARIANO CASTIÑEIRA VILLASECA», coincidindo coa quincuaxésima segunda edición do Memorial «Gregorio Pérez Rivera», que se celebra cada ano nas instalacións lucenses co seu nome.

Nesta ocasión, será tamén en xornada de mañá e de tarde con probas para atletas da categoría SUB14 ata Máster, na que haberá un recoñecemento destacado a Mariano e un trofeo conmemorativo para os/as vencedores/as dos 1.500 e 5.000 metros lisos, así como medalla para os tres primeiros postos máster destas probas, sendo obrigatorio acudir á cerimonia de premiación para recibilos. 

Nos seguintes enlaces podedes atopar toda a información de interese de cara á competición.

Pese a que o acceso á instalación estará limitado e aínda non se permite a presenza de público, estamos seguros de que Mariano sentirá máis preto que nunca o voso cariño e acompañamento e de que, sen dúbida, tamén el estará con todos nós para desfrutar da competición coma sempre o facía, alentando a todos e todas as atletas durante a carreira e felicitando o esforzo.

AGARDÁMOSVOS!!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *