PRESENZA DE ATLETAS DO LUCUS NOS CAMPIONATOS DE ESPAÑA

A piques de rematar a tempada de pista cuberta e dar paso á preparación para aire libre, queremos destacar o gran esforzo que están a facer os nosos e as nosas atletas por manter a presenza do Club nas principais competicións a nivel nacional, nun momento atípico marcado polos cambios e a adaptación constante á situación sanitaria.

Este pasado 13 de marzo, Iván Rego conseguía unha praza no CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB18 EN PISTA CUBERTA que se disputaba en Barcelona, ata onde se desprazou para competir nos 3.000 metros lisos e do que partía cunha mellor marca de 8:57.80. Lograba rematar a carreira co 8º posto na súa final e un rexistro de 9:18.02, que o sitúan no máis alto do ránking nacional na súa categoría.

© RFEA. Iván Rego durante a carreira.

 

Tamén no sector de fondo, Esteban Iglesia e Laura Santos disputaban o 28 de febreiro en Getafe o CAMPIONATO DE ESPAÑA DE CAMPO A TRAVÉS, convocados pola Selección para unir esforzos no equipo galego. Na carreira masculina, Esteban aportaba o seu rexistro de 33:08 a Galicia, que finalizou co 11º posto absoluto. Laura, pola súa parte, remataba os 10km da carreira nun tempo de 41:22, co que Galicia se mantivo no 10º posto absoluto.

©FGA. Laura Santos e Esteban Iglesia cos equipos galegos.

 

Días antes, na fin de semana do 13 e 14 de febreiro, a marcha era a atracción do CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB20 E SUB16 DE MARCHA POR FEDERACIÓNS AUTONÓMICAS. Ata Sevilla se desprazou Hugo Martínez convocado pola Selección Galega, quen sería o primeiro do equipo autonómico en cruzar a liña de meta cun tempo de 47:53, loitando por manter a Galicia nun 8º posto na clasificación final.

©Imaxes cedidas por Hugo Martínez co equipo galego.

 

Ao mesmo tempo, Santiago Rozas repetía participación no CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB23 EN PISTA CUBERTA, que tivo lugar en Valencia e onde rexistrou o 4º posto da súa semifinal na proba dos 60 metros valados, que suporía un excelente 8º posto a nivel nacional cun mellor rexistro de 8.50 segundos.

© Fotocarlosgrafías. Santiago Rozas nunha carreira de 60mv.

 

Pero non acaba aquí, esta fin de semana seguirá a participación dos/as atletas do Lucus Caixa Rural Galega en Oviedo, coa celebración do CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB16 EN PISTA CUBERTA os días 20 e 21 de marzo. Na proba dos 3.000 metros lisos será Teo de Frutos a representación do Club, na que loitará por baixar a súa mellor marca de 9:28.11. Na velocidade, Martín Vázquez e Antía Pernas serán os que defendan as cores do equipo, Martín nos 60 metros valados, aos que chega cun espectacular rexistro de 9.05 e Antía nos 60 metros lisos, da que parte cunha excelente marca por debaixo dos oito segundos (7.91), ambos nas primeiras posicións do ránking nacional da categoría. 

Podedes seguir a competición e os resultados en directos nos seguintes enlaces, ademais de consultar toda a información relativa ao Campionato ➤aquí.

 

NON PODEMOS ESTAR MÁIS CONTENTOS, NORABOA A TODOS/AS!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *