NOVAS MEDIDAS NA PRÁCTICA DE ACTIVIDADE DEPORTIVA FEDERADA

SUSPENSIÓN DAS COMPETICIÓNS AUTONÓMICAS E LIMITACIÓNS NOS ADESTRAMENTOS

(actualizado a 21 xaneiro 2021)

 

A principios desta semana dábanse a coñecer as últimas medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade para a Comunidade Autónoma de Galicia, ademais das restricións específicas que se aplican para o concello de Lugo e outros ámbitos territoriais que, a diferenza das anteriores publicacións, esta vez suporían un cambio importante na práctica da actividade física e deportiva federada.

 

Ata o momento, a meirande parte das restricións quedaban reducidas á práctica deportiva non federada, que vía limitado o número máximo de atletas por grupo ou os desprazamentos entre concellos; mentres que o deporte federado gozaba de certa liberdade ao non aplicar estas restricións, o que nos permitía continuar os adestramentos con certa normalidade sempre e cando se seguisen os protocolos de hixiene e prevención establecidos, como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal, a desinfección do material empregado e o uso da máscara canto tempo fose posible.

 

Pero coa publicación das últimas medidas modifícase o punto 6 do Anexo III da citada orde no relativo á práctica da actividade física e deportiva federada, que supón os seguintes cambios:

 

ADESTRAMENTOS 
  • Os adestramentos da actividade deportiva federada quedarán sometidos ás mesmas limitacións co resto da actividade física e deportiva non federada, isto é, poderán realizarse de forma individual ou colectiva ata un máximo de catro persoas sexan ou non conviventes, excluído o/a monitor/a; debendo respectarse as limitacións de entrada e saída existentes en determinados ámbitos territoriais (peches perimetrais) e as limitacións establecidas á liberdade de circulación das persoas en horario nocturno (toque de queda das 22:00 ás 6:00 horas).

 

COMPETICIÓNS DEPORTIVAS
  • Quedan SUSPENDIDAS as competicións deportivas de nivel AUTONÓMICO. As competicións deportivas federadas de nivel nacional desenvolveranse de acordo co establecido pola administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes.

 

Información recollida de:

DECRETO 5/2021, do 19 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARSCoV-2.

ORDE do 19 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN NESTA LOITA CONXUNTA, #RESPONSABILIDADE

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *