GRANDES PROGRESOS E RESULTADOS NOS AUTONÓMICOS SUB14 E SUB16

A pasada fin de semana era a quenda dos autonómicos para as categorías menores, que se desprazaron ata o Centro de Tecnificación Deportiva en Pontevedra para disputar as derradeiras competicións galegas en pista ao aire libre para as categorías SUB14 e SUB16.

Ao longo do sábado 10 de outubro, en xornada de mañá e de tarde, tería lugar o CAMPIONATO DE GALICIA SUB16, onde o equipo de atletas desprazados/as amosaron unha actuación e progreso sensacionais.

Eva Díaz.

Nos 100 metros lisos tomarían parte Miguel López e Adrián Javier Pardo. O primeiro deles lograba un 5º posto na final cun gran rexistro de 12.25, mentres Adrián detía o crono nuns meritorios 12.80 que o deixarían ás portas da final rematando no 12º posto. Na participación feminina estivo a nosa atleta Antía Pernas, quen non soamente lograría o pase á final, senón que acadaba a medalla de prata cunha nova MMP de 12.83, proclamándose subcampioa galega en aire libre.

Nos 300 metros lisos a participación sería dobre tanto en mulleres coma en homes. As atletas Sara Álvarez e Eva Díaz alcanzaban o 14º e 7º posto, respectivamente, cuns tempos finais de 50.72 e 48.30 segundos. Nos rapaces repetía Adrián Javier Pardo, que acadaba o 7º posto cun bo rexistro de 41.47 e Miguel López, quen logo das magníficas sensacións que tivo nos 100ml, subía ata o máis alto do podio para recoller a medalla de ouro, tras deter o cronómetro en 39.53 e converterse no campión galego da proba.

Martín Vázquez e Sofía Martínez tomarían parte nos 100 metros valos. Cun bo tempo de 15.20, o noso representante masculino acadaba a medalla de prata tras unha carreira moi disputada, mentres que Sofía conseguía o 4º posto galego cun tempo de 17.85. Sería nos 300 m.v. onde repetía Sofía Martínez, converténdose nesta proba na subcampioa galega cun moi merecido 2º posto logo de dar o seu 100% desde os tacos ata cruzar a liña de meta, deixando un rexistro de 52.29 que lle outorgaba a medalla de prata.

No medio fondo e fondo, catro foron os atletas que representaron ao Lucus Caixa Rural Galega. Na carreira masculina, Ángel Herrero e Rubén Darriba loitaron ata o final nos 1500 obstáculos, acadando o 4º e 6º postos a nivel galego cuns rexistros de 5:16.49 e 5:30.28, respectivamente. Na feminina destacaba Carla Díaz, que lograba unha merecida medalla de bronce tras loitar de principio a fin na mesma proba, detendo o crono cun tempo de 5:58.27 minutos. Nos 3000 metros lisos tomaba parte Estela Díaz, nunha carreira onde os primeiros postos se decidiron nas primeiras voltas, lograría a medalla de prata tras desprenderse nos últimos metros das súas rivais e o título de subcampioa autonómica.

Martín Vázquez.

Xa nos concursos, Andrés López acadaba a 6º posición no salto de lonxitude tras un mellor salto de 5.01 metros, nun concurso con tódolos saltos moi estables. Nas rapazas, Antía Pernas subía novamente ao segundo caixón do podio como subcampioa galega, tras un mellor salto de 4.88 m. no que amosaba un gran nivel de forma, realizando todos os intentos por riba dos 4.85 m. Mafalda Becerra, compañeira de equipo, facíase co 10º posto galego cun mellor salto de 3.95 metros.

No triplo salto, Eva Díaz lograba a merecida medalla de prata tras un concurso onde foi de menos a máis, demostrando que hai que loitar ata o último salto no que chegaba ata os 10.22 metros, converténdose na subcampioa galega da proba e facendo unha nova MMP. Nos rapaces foi a quenda de novo para Andrés López, quen lograría a 4º posición autonómica destrozando a súa mellor marca persoal en medio metro, rexistrando un mellor salto de 11.34 metros.

Por outra banda, Clara González e Martín Vázquez tomaban parte no salto con pértega. A primeira deles rozaría a medalla de bronce tras superar os 2.05 metros, quedando no 4º posto galego; mentres Martín, que perdía algúns intentos por coincidir coa carreira dos valos, lograba a medalla de bronce logo de saltar sobre os 2.43 m. Ademais da pértega, Clara participaba no salto de altura, onde obtiña o 7º posto cun mellor salto de 1.28 m.

En canto aos lanzamentos, habería representación completa do Club nas catro especialidades. Candela Fernández participaba no disco e martelo, na primeira delas cun mellor lanzamento de 21.91 metros, rozando a medalla de bronce co 4º posto galego; mentres que no martelo conseguía facer voar o artefacto ata os 19.54 m., que lle outorgaban a 6ª posición autonómica. A compañeira Alicia García tamén tomaba parte no disco, onde tras lanzalo ata os 20.73 m. lograba a 6ª posición. Sería na xavelina onde remataría a 5ª atleta a nivel galego, logo de rexistrar 20.35 m. no seu mellor lanzamento. Na clasificación masculina, Martín Rouco acadaba a 5ª posición tamén no lanzamento de xavelina, rexistrando unha marca de 30.81 metros, pero a medalla viría na proba de martelo, onde lanzaba ata os 34.87 m. e subía ao podio como subcampión autonómico en aire libre. Podedes consultar todos os resultados completos no seguinte enlace.

A xornada do domingo 11 de outubro centraría a atención no CAMPIONATO DE GALICIA SUB14, que celebrara na mañá anterior as probas de 3km marcha, na que a nosa atleta Noa Abelleira lograba a medalla de bronce cunha nova MMP de 17:34.59. Nos 3000 metros lisos destacaban tamén os fondistas Teo de Frutos e Javier Blanco, que darían ao Club dúas novas medallas de ouro e bronce, subindo ao 1º e 3º posto do podio autonómico tras deter o cronómetro nos 10:04.25 e 12:19.69 minutos, respectivamente. Dentro dos concursos, serían María Mourelle e Xiana Ulloa as que conseguirían facerse coas medallas de bronce; a primeira delas no triplo salto, cun mellor intento de 9.09 m que constitúe unha nova MMP e a segunda no lanzamento de xavelina, alcanzando os 22.15 metros no seu mellor rexistro. No seguinte enlace podedes consultar os resultados completos de todas e todos os atletas desprazados ata a localidade pontevedresa.

Deixámosvos tamén os vídeos da retransmisión en directo dos Campionatos por se non puidestes seguilos en vivo desde a conta de Youtube da FGA.

Campionato de Galicia SUB16 (mañá)

Campionato de Galicia SUB16 (tarde)

Campionato de Galicia SUB14

NORABOA A TODOS/AS, SEGUIDE ASÍ!!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *