RECOLLEITA DE MEDALLAS NOS CAMPIONATOS DE GALICIA (28, 29 e 30 agosto, A Coruña)
A última fin de semana de agosto deixaba grandes resultados para o LUCUS CAIXA RURAL GALEGA, cunha recolleita de medallas entre os atletas que se desprazaron ata a provincia coruñesa para disputar o CAMPIONATO DE GALICIA ABSOLUTO, SUB23, SUB20 e SUB18 en pista ao aire libre. As instalacións da Univerdade de Elviña acollían uns campionatos diferentes onde destacou a ausencia de público e a presenza das novas medidas sanitarias, cada vez máis incluídas no noso día a día.
A xornada do sábado quedaba protagonizada polos lanzamentos, as probas de velocidade e o medio fondo, onde varios dos nosos e das nosas atletas retomaban o contacto coa pista nesta tempada atípica para todos/as. No lanzamento de martelo, Raúl Rodríguez lograba no seu sexto intento unha MMP de 44.61 metros, nun concurso en progresión que lle deixaba moi boas sensacións e o convertía no campión galego SUB23. Na categoría feminina, María Quiroga lanzaría o martelo ata os 33.28 metros, nun mellor intento co que obtiña a medalla de prata e o título de subcampioa galega SUB23. O lanzamento de xavelina deixaría resultados semellantes, onde Uxía Sureda se convertía na actual subcampioa autonómica SUB20, cun mellor lanzamento de 32.48 metros e o compañeiro de equipo, Oliver Vázquez, gañaba a medalla de ouro cun rexistro de 46.80 m., a mellor marca da tempada, coa que lograba o título de campión galego SUB23.
As probas de velocidade non serían menos, con Adi, Brenda, Antía e Santi participando nos 100 e 200 metros lisos. A nosa paralímpica Adi Iglesias, logo de quedar descalificada por saída nula nos 100ml, conseguía revalidar o título de campioa galega absoluta nos 200 ml, detendo o crono nos 25.21 nas semifinais e rexistrando unha marca de 25.25 na rolda final. Nesta mesma proba, Brenda Lence pasaba á final cun rexistro de 27.86 e acadaría a medalla de prata da categoría SUB18 nos 100 metros lisos, cunha marca de 13.09 segundos para a subcampioa galega. Antía Pernas, a benxamina do equipo, remataba cunha mellor marca persoal de 12.85 na semifinal dos 100ml, que finalmente lle daría a sétima posición na carreira absoluta con tan só catorce anos; mentres Santiago Rozas quedaba 1º nas semifinais da proba masculina, cunha marca de 11.68 que non lle deu praza na rolda final.
Pola súa parte, nas carreiras máis longas, Hugo Martínez convertíase no subcampión galego SUB18 dos 3.000 obstáculos cun rexistro de 10:30.88, ao que seguiría o compañeiro Kevin Darriba, que lograba dúas medallas de ouro e o título de campión autonómico SUB23, detendo o cronómetro nos 11:01.93 minutos na proba de obstáculos e rexistrando unha marca de 4:39.53 nos 1.500 metros lisos.
Xa nos concursos, Antía Pernas repetiría participación no triplo salto, competindo con atletas absolutas e logrando superar os dez metros, cunha marca de 10.37 metros e a sexta posición autonómica. No salto de lonxitude, Carla Mourelle saltaría ata os 4.75 metros, moi preto de subir ao podio na súa categoría, coa cuarta posición SUB20 e sétima absoluta. Na xornada do domingo, sería a quenda de Pablo Modia na mesma proba, quen traería consigo a medalla de bronce cun mellor salto de 6.90 m.; mentres que Miguel Pérez tamén probaría sorte e remataba coa sétima posición absoluta, saltando ata o 6.44 metros.
Sería na proba dos 110 metros valados onde destacaría o noso especialista Miguel Pérez, cun rexistro de 14.80 que melloraba a súa marca da tempada e o convertía no subcampión galego absoluto. O compañeiro de equipo Santiago Rozas, facíase coa medalla de bronce rexistrando unha MMP de 15.29 segundos.
Nos 400 metros valados, os títulos autonómicos virían tamén para a provincia, con Santiago Rozas como campión galego SUB23 logrando un tempo de 1:00.07 e Iago Núñez, campión galego absoluto tras deter o cronómetro nos 56.02 segundos e facerse coa medalla de ouro da proba.
Por último, serían os fondistas os que porían fin á xornada competitiva coa proba dos 5.000 metros lisos, de novo con grandes resultados. Xabier Rodríguez conseguía facerse co título galego SUB23, logo de rexistrar un tempo de 15:54.65 e Esteban Iglesia regalaría aos presentes un espectáculo deportivo nunha gran loita ata os últimos metros, na que deixaba un cronómetro de 15:14.99 minutos e conseguía por primeira vez ser o campión galego absoluto.
Deixámosvos os resultados completos e algunhas das imaxes tomadas por Fotocarlosgrafías, Ollodexan e Manu Boutureira Fotografía. Podedes ver máis fotografías nas súas páxinas oficiais.