NOVAS CONVOCATORIAS COA SELECCIÓN GALEGA PARA OS NACIONAIS DE CAMPO A TRAVÉS

Continúan as convocatorias de atletas do Lucus Caixa Rural Galega para representar á Comunidade Autonómica nos vindeiros campionatos nacionais de campo a través que se disputarán no mes de marzo.

Hugo Martínez co equipo galego SUB20. ©Federación Galega Atletismo.

Hai unhas semanas xa celebrábamos o resultado de Hugo Martínez, convocado pola Selección Galega para constituír o equipo SUB20 no CAMPIONATO DE ESPAÑA DE MARCHA POR FEDERACIÓNS AUTONÓMICAS, no que acadaba o segundo posto do equipo galego cun rexistro de 50.32 e conseguía manter a sétima posición absoluta na clasificación final da proba.

A principios desta semana chegaba a segunda boa nova para o Club coa publicación dos equipos galegos que tomarán parte nos CAMPIONATOS DE ESPAÑA DE CAMPO A TRAVÉS, logo da selección de tres atletas máis do Lucus Caixa Rural Galega para compoñer os equipos que loitarán polos títulos nacionais.

As primeiras en debutar serán Laura Santos e Inés Blanco, atletas da categoría SUB23 que participarán coa Selección Galega o vindeiro 8 de marzo en Zaragoza. O domingo seguinte, 15 de marzo, será Lucía Varela a que compita en Pamplona formando o equipo galego SUB18, no nacional de campo a través para as categorías escolares.

GRANDE NORABOA E A DAR O MELLOR DE VÓS, RAPAZAS!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *