HISTÓRICO ADRIÁN BEN, FINALISTA MUNDIAL

Logo do remate esta fin de semana do CAMPIONATO DO MUNDO DE ATLETISMO, que daba comezo o 27 de setembro no Estadio Internacional Khalifa e poñía fin o domingo 6 de outubro; aínda seguimos asimilando os resultados obtidos polos representantes da Selección Española desprazados ata Doha, Qatar.

©Instagram Adrián Ben.

De todos eles, non podemos evitar sentir unha inmensa alegría polo noso Adrián Ben, observando con orgullo como, pasiño a pasiño, vai facendo realidade cada un dos seus soños e amosándolle ao mundo enteiro o talento do que está feito. O certo é que a case ninguén lle sorprendía, pois xa desde pequeno deslumbraba coa súa innata forma de correr e facía prever unha longa carreira deportiva, pero o que fixo o pasado 1 de outubro no continente asiático foi histórico, conseguindo meterse na final dun Campeonato do Mundo e batindo todos os récords. 

Xa nas roldas semifinais da súa proba, os 800 metros lisos, deixou ver a súa valentía e coraxe dominando unha carreira na que rexistraba 1:44.97, mellor marca persoal de sempre e novo récord galego absoluto tras máis de 30 anos, que o converten no primeiro atleta de Galicia en baixar da barreira dos 1:45 minutos. Pero non só iso, este novo rexistro supón tamén a marca mínima para participar nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020, todo un soño para Adri, que con tan só 21 anos xa forma parte da historia do atletismo nacional e internacional. 

Esta emoción mantívose ata o último momento, cando 48 horas despois de facer historia disputaba a final dos 800 m.l. como único representante da Selección Española, carreira na que puidemos vivir como deixaba a pel na pista e remataba cun increíble rexistro de 1:45.58, a súa segunda MMP que o convertía no sexto do mundo; SEXTO DO MUNDO!! Sen dúbida unha posición merecidísima que aínda nos costa crer e compartimos cun gran orgullo de cor verde.

TREMENDA NORABOA ADRI E FAMILIA, ES MOI GRANDE!!

©Imaxes tomadas do Instagram de Adrián Ben.

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *