MERECIDAS MEDALLAS NOS CAMPIONATOS NACIONAIS MÁSTER E SUB23 (28-30 xuño)

Esta última fin de semana de xuño as categorías máster e SUB23 acudían aos seus respectivos CAMPIONATOS DE ESPAÑA AO AIRE LIBRE, coincidindo o remate da tempada coa conquista das marcas mínimas para o campionato nacional absoluto.

O venres 28 de xuño daba comezo o CAMPIONATO DE ESPAÑA MÁSTER na localidade de Sagunto, en Valencia, ata onde se desprazaron os nosos atletas José Luis Pernas, Juan Gude e Ros Sureda nas distintas categorías. O primeiro en estrearse sería José Luis Pernas na proba dos 100 metros lisos, na que lograba un rexistro de 14.37 nas roldas eliminatorias que lle impedían pasar ás semifinais. Tamén na velocidade participaría Ros Sureda, quen cunha marca de 30.43 subíase ao segundo lugar do podio por categoría, levando consigo a merecida medalla de prata nos 200 m.l. Pero non ía ser o único recoñecemento da xornada, pois Ros repetía participación no salto de lonxitude, no que conseguía a segunda medalla de prata por categoría cun mellor salto de 4.15 metros e no salto de altura, proba na que sen dúbida destacou logo de superar os 1.41 metros que, ademais de darlle a medalla de ouro, supoñía un novo récord galego e récord do campionato. Para rematar, pechando a xornada de éxitos, Juan Gude lograba a medalla de ouro nos 5.000 metros lisos, logo de manterse na primeira posición da carreira e deter o cronómetro nos 15:31.49; uns resultados para celebrar. Podedes revisar os resultados completos premendo na seguinte imaxe.

 

En canto ao CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB23, que se disputaba de xeito paralelo en Tarragona, foron Miguel González Carballada, Santiago Rozas, Adiaratou Iglesias e Laura Santos os desprazados ata a provincia catalá para tomar parte nas súas especialidades. Miguel González, logo dunha tempada complicada e recuperando aínda as sensacións, participaba na proba dos 5.000 metros lisos, na que remataba cun rexistro de 15:27.36 e entre os primeiros once postos. Nos valados, Santiago Rozas quedábase nas semifinais dos 110 m.v. cunha marca de 16.58 segundos, ás portas de colarse na rolda final. E xa nos metros lisos, a nosa velocista Adi Iglesias rexistraba 12.21 nas semifinais dos 100 m.l. e 25.62 nas semifinais dos 200 m.l., que conseguiría reducir a 25.09 na carreira final para facerse co 5º posto absoluto. Tedes de novo os resultados completos no enlace posterior, xunto coa galería de imaxes do campionato.

GRANDÍSIMA NORABOA A TODAS E TODOS POLOS ÉXITOS OBTIDOS!!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *