RESULTADOS dos CAMPIONATOS SUB10, SUB12 e SUB14 (1 e 2 xuño)

Tremendos os resultados desta primeira fin de semana de xuño para as categorías SUB10, SUB12 e SUB14 coa celebración dos seus campionatos autonómicos e nacionais en pista ao aire libre, nos que obtiveron mellores marcas persoais, loitaron polas medallas e experimentaron un contexto de esforzo e superación, afrontando con valentía novas experiencias deportivas.

O sábado 1 de xuño tiña lugar nas pistas lucenses o CAMPIONATO DE GALICIA SUB10 e SUB12, ata onde se desprazaron os/as atletas coas mellores marcas da tempada en cada unha das diversas probas de aire libre. Tanto nos concursos coma nas carreiras, a Escola do Lucus Caixa Rural Galega tivo a oportunidade de amosar o seu traballo diario e representar ás distintas categorías. Na SUB10 masculina, Carlos García melloraba a súa marca persoal no salto de altura, superando o listón nos 1.04 metros; mentres que Mauro Núñez tomaba parte no lanzamento de pelota, cun rexistro próximo aos 17 metros. Enma Capón, na categoría feminina, lograba clasificarse no salto de altura, onde estivo preto de superar o metro no listón e na lonxitude, proba na que melloraba a súa marca anterior saltando ata os 3.06 metros.

A categoría SUB12 non sería menos e subiría incluso ao podio, coa representación masculina de Fabio Expósito nos 2.000 m.l., Xavier Gómez no salto de altura e Roi Lence no lanzamento de pelota, aos que se sumaron Mateo Álvarez e Bradley Jaramillo para disputar o relevo de 4×60 metros. Pero serían as rapazas as que conseguirían inaugurar o medalleiro, coa participación de Safya Moumni e Noa Fernández nos 1.000 metros lisos; Ilse Prado nos 500 m.l. e no salto de lonxitude;María Mourelle nos 60 m.l. e na lonxitude, esta última na que conseguía a medalla de bronce cun mellor salto de 3.81 m. Nos lanzamentos, o protagonismo foi de Eyram Sefenu, que rozou o podio no peso e conseguía a medalla de prata en pelota, cun rexistro preto dos 27 metros. Para rematar, ademais dos relevos femininos, Eva Rouco protagonizaría as carreiras dos 60 m.l. e os 500 m.l., nos que ademais de facerse coa medalla de ouro, lograba establecer un novo récord galego de 500 m.l. cos seus 1:24.24, mellorando en case dous segundos a marca previa nesta proba de medio fondo; impresionante! Na seguinte imaxe podedes botarlle un ollo aos resultados completos.

 


En canto ao domingo 2 de xuño, o interese situábase no CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB14 que se disputou en Soria, na comunidade autónoma de Castela e León. Nel tomaron parte diversidade de atletas nacionais nun formato de triatlóns, onde cada quen competía en tres probas específicas. Antía Pernas, a nosa atleta da Escola de Atletismo desprazada ata a localidade, participaría nas probas de 80 metros lisos, 80 m.v. e lanzamento de peso, ademais dos relevos coas demais compañeiras de categoría. Nunha competición de altísimo nivel, lograba mellorar os seus rexistros nas distintas especialidades, con MMP de 10.58 nos 80 m.v., 6.73 metros no peso e vencendo nos 80 metros lisos cunha MMP de 14.19, cos que sumaría 1.542 puntos totais no Triatlón A. Para rematar, loitaría na modalidade dos relevos 6x60m, nos que subiría ata o segundo posto do podio e traería consigo a medalla de prata, cun tempo de 53.72. Podedes revivir a competición en directo a través dos enlaces posteriores.

GRANDE NORABOA A TODOS/AS!! SODES O FUTURO DO LUCUS.

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *