SUBCAMPIONAS GALEGAS DE CAMPO A TRAVÉS (16 febreiro, Ourense)

Non podemos estar máis contentos como Club dos resultados que acadou a Escola de Atletismo no CAMPIONATO GALEGO DE CAMPO A TRAVÉS, acollido na localidade de O Pereiro de Aguiar (Ourense) a partir das 11:30 horas do sábado 16 de febreiro e que pon fin á tempada galega de cross para as categorías menores.

Nesta ocasión, era a categoría SUB16 a que abría as carreiras da xornada. Rubén Darriba, clasificado na previa masculina provincial, remataba os 5.000 metros cun rexistro de 23:49; mentres o equipo feminino, que acudía como líder lucense, finalizaba os 3km cun total de 45 puntos, nunha carreira encabezada por Claudia Gámez (15:12), Carla Díaz (15:29) e Mercedes Vila (15:41), ás que seguían moi de preto Mariña Peixoto (16:41), Ana Ben (17:06) e Amina Carracedo (17:38).

Pasado o mediodía, era a quenda dos nosos representantes da SUB14, con Teo de Frutos como primeiro participante da súa carreira de 2.500 metros, que lograba rematar nun excelente estado de forma e cun tempo de 11:21, situándoo na sétima posición do ránking galego; mentres nos 2km femininos era Estela Díaz a que participaba, representando á Escola, nunha carreira que remataba en 9:56, loitando por colarse entre as primeiras en cruzar a meta nesta competición.

Pero a vitoria viría da man das máis pequenas neste campionato autonómico, cun segundo posto na categoría SUB12 co equipo feminino, un total de seis corredoras que amosaban a importancia da experiencia e da ilusión a partes iguais. Con 41 puntos totais, subían ao podio e traían consigo as merecidas medallas de prata, ademais do trofeo que acredita este gran título galego, nunha carreira dominada por Eva Rouco (quinta en cruzar a meta logo dos 1.500 metros de percorrido), Safya Moumni, María Mourelle, Noa Fernández, Alba Ferreiro e Ilse Prado; en representación do resto de compañeiras que non puideron sumarse á data. Tedes na imaxe posterior os resultados completos dos equipos participantes e as distintas categorías, así como máis imaxes desta gran cita proximamente.

NORABOA CAMPIONAS!!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *