RESULTADOS do CAMPIONATO DE GALICIA ABSOLUTO e SUB23 – PC (20 xaneiro, Ourense)

Se o sábado as categorías menores da Escola protagonizaban a xornada, o domingo serían as categorías do Club as que gozaron do protagonismo, tras debutar no CAMPIONATO DE GALICIA ABSOLUTO e SUB23 de pista cuberta, no recinto Expourense da localidade sur, onde se deron cita os/as atletas máis destacados/as do panorama autonómico nesta gran data para a competición indoor.

Comezando pola categoría feminina, as rapazas do LUCUS CAIXA RURAL GALEGA amosarían unha vez máis que os adestramentos diarios dan os seus froitos, pois voltaron con varias medallas e conseguiron mellorar as súas marcas da tempada. A título personal, Adi Iglesias destacaba nas eliminatorias e semifinais dos 60 m.l. na primeira posición, cun mellor rexistro de 7.90; proba que remataría como subcampiona galega cos seus 7.93 segundos na final. De xeito paralelo, Brenda Iglesias e a xovencísima Antía Pernas participaban tamén nas eliminatorias dos 60 m.l., rexistrando 8.51 e 8.38 segundos, respectivamente, que aínda que non lles valería para pasar ás semifinais, andaría preto. Nos 1.500 metros, sería Inés Blanco a encargada de recoller a medalla de ouro, logo de vencer na categoría SUB23 cun rexistro de 5:07.86, cruzando a meta na cuarta posición da carreira absoluta e mellorando a súa marca en pista cuberta. Laura Santos repetiría podio na proba dos 3.000 m.l., na que levaba dúas medallas de prata logo de rematar no segundo posto, tanto na categoría absoluta como na SUB23, detendo o crono nos 10:06.28; a mesma proba que Paula Castro-Gil remataba con 11:56.08 na segunda serie.

En canto á pértega, Antía Pernas volvía probar sorte tratando de bater o récord galego SUB14, pero a emoción e os nervios farían que non lograse superar o listón nos 2.42 m., quedando a uns centímetros da súa MMP (2.35) con 2.22 metros. Xa para rematar, a nosa saltadora Carla Mourelle alzaríase como subcampiona absoluta no salto de lonxitude, cun mellor salto de 5.29 m. e rexistraría tamén 10.15 metros no triplo salto, cos que non lograba pasar á mellora.

© Imaxe realizada por Fotocarlosgrafías.

A categoría masculina, pola súa parte, faría gala da experiencia neste tipo de competicións absolutas, nas que os máis veteráns voltaban revalidando os seus títulos dos anos previos. Santiago Rozas perdería a oportunidade de pasar á final dos 60 m.v. por unha descalificación nas roldas semifinais, pese a ter unha MMP válida para rematar nos primeiros postos; posición á que Miguel Pérez accedería cos seus 8.24 segundos na final dos valados, rexistrando a súa mellor marca persoal da tempada e que lle darían a medalla de ouro na proba absoluta. Daniel Pérez non sería menos nos 3.000 m.l. masculinos, dominando desde o principio da carreira e cruzando a liña de meta no primeiro posto da súa serie, con 9:09.59 de rexistro, que o convertía no terceiro clasificado da categoría SUB23, levando consigo a medalla de bronce. Tamén nesta carreira participaba Esteban Iglesia, correndo na última serie e a máis rápida, que lograba finalizar cun rexistro de 8:45.06 e a oitava posición absoluta. Nos 800 metros lisos, foi Agustín Cordero o que encabezou a proba case desde o principio, pese a que remataría a súa serie nun sexto posto e un tempo de 4:31.17, mellorando a súa MMP de pista cuberta. Iago Núñez, en cambio, remataba na quinta posición da súa final nos 400 m.l., nunha serie moi rápida na que rexistrou 51.96 de marca e, rematando coas carreiras, Miguel Borrego quedaba nas semifinais dos 200 m.l., detendo o cronómetro en 24.28 que non lle darían acceso á rolda final.

No sector dos saltos, Xavier Esteban superaba os 1.81 metros na proba de altura, empatando co terceiro clasificado por marca, pero rematando na cuarta posición polos saltos anteriores, que valoran para o desempate. Na pértega, Yago Lorenzo quedaría nos 3.41 metros, preto da súa MMP ao aire libre e con vistas xa ás futuras competicións, logo de superar os 3.21 m. Diego Piñeiro destacaba tamén no triplo salto, no que se despedía cunha mellor marca persoal de 11.95 metros no penúltimo salto, mellorando en máis de 40 centímetros o seu mellor rexistro ata o momento. Pero a medalla viría da man de Pablo Modia, que remataba subcampión absoluto tras saltar ata os 7.12 metros na proba de lonxitude, con boas sensacións de cara ao aire libre e rozando a mínima para o Campionato de España.

Aquí tedes os resultados completos da xornada autonómica, onde podedes consultar todas as probas do Campionato.

 

NORABOA ATLETAS, A SEGUIR TRABALLANDO!! 

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *