CONCENTRACIÓN DE ATLETISMO (7 e 8 abril, Monforte)
Esta fin de semana de abril a Escola de Atletismo LUCUS CAIXA RURAL GALEGA levará a cabo a esperada concentración en Monforte de Lemos. Aínda que o tempo non acompañará, por fin podemos confirmar a I CONCENTRACIÓN DE ATLETISMO «LUCUS & FRIENDS», na que se busca visibilizar a disciplina do atletismo na localidade monfortina e a relación cos nosos clubs asociados, desfrutando dunha xornada e experiencia únicas para os nosos e as nosas atletas.
Esta concentración está destinada para as categorías SUB12 (alevín) e SUB14 (infantil) da Escola e, entre as súas actividades, contará con diversas sesións de adestramento das distintas modalidades deportivas (carreiras, saltos e lanzamentos) e unha competición onde compartirán espazo cos/as atletas dos clubs asociados e poderán experimentar este tipo de eventos que tanta ilusión, á vez que nervios, lles producen.
Servirá de primeira experiencia para moitos nenos e nenas que nunca quedaron a durmir fóra da casa ningunha noite e, ademais, poderán reforzar as relacións que se dan neste deporte que, aínda que de carácter individual, é desfrutado en equipo; coas xa amigas e amigos que se forman durante os adestramentos diarios.
Ademais da información incluída na plan de viaxe enviada por correo electrónico aos que confirmaron a asistencia, cómpre recordar as seguintes pautas importantes:
- Debido ás condicións meteorolóxicas, deberán levar roupa e calzado de cambio para a auga, pois é moi probable que chova e nos mollemos.
- Para as sesións de adestramento, terán que levar a roupa de adestrar da Escola, así como a equipación de competir correspondente.
- Terán que traer o dorsal proporcionado polo Lucus na primeira das competicións organizadas polo Club (o vermello de CCNorte), así como imperdibles para colocalo na competición do domingo.
- Acudir, mínimo, 10 minutos antes da hora de saída do autobús (9:00 horas) para organizarse e recoller o custe da actividade, que será de 35€ en concepto de aloxamento, comida e servizo de transporte.
NOTA: se alguén que confirmou a súa asistencia non recibiu o correo electrónico co plan de viaxe, facédenolo saber por se houbo algún erro. Grazas.
Coma sempre, estamos á vosa disposición para calquera dúbida que teñades ou cuestión que non se recolla no plan de viaxe. Podedes contactarnos a través do correo electrónico da Escola de Atletismo (escolalucus@gmail.com), nas redes sociais, de forma presencial na oficina do Club ou nos teléfonos de contacto dos/as monitores/as en todo o relativo a esta concentración.